mércores, 17 de abril do 2013
No que supón a páxina máis amarga da historia destas illas, os golpistas sublevados converterán en outubro de 1936 a San Simón nun cárcere de presos políticos no que se calcula que permaneceron internos en diversos períodos máis de seis milleiros de cidadáns, ata o seu peche en 1943.
Aproveitando as instalacións dun antigo convento e dun lazareto instalouse nas primeiras semanas da guerra unha especie de cárcere provisional para presos gobernativos que aínda non foran procesados pola xurisdición militar.
Nesta época moitos dos detidos de San Simón foron sacados por elementos de Falanxe, Garda Civil e os chamados "cívicos", e executados nas cunetas das estradas e ante os muros dos cemiterios.
Segundo testemuños, o director de San Simón e das prisións de Pontevedra, Lago Búa, o médico forense Bustelo, foron responsables, xunto co tenente Rodríguez da Garda Civil, de moitos "paseos".
Ao derrubarse a Fronte Norte moitos prisioneiros foron conducidos a este cárcere provisional en funcións de campo de concentración.
Ao finalizar a guerra tratouse de converter o Campo de Concentración de San Simón nun centro de reclusión para presos maiores de sesenta anos de idade, trasladando a centenares deles dende todas partes de España.
En 1948 as illas pasan a ser lugar de veraneo para os membros da Garda de Franco. Non obstante, a causa dun accidente marítimo no ano 1950 no que morren 43 deses membros fai que as illas sexan abandonadas unha vez máis, sendo utilizadasas as súas instalacións entre 1955 e 1963 polo Fogar Méndez Núñez para a Formación de Orfos de Mariñeiros.
En 1999 son declaradas Ben de Interese Cultural coa categoría de Sitio Histórico. A partir de 1998 inícianse as obras de rehabilitación do conxunto cun proxecto do arquitecto César Portela, para poñer en valor e recuperar as illas para usos culturais, dando por finalizado o longo período de abandono dun dos enclaves con máis historia e máis significativos da ría de Vigo e de Galicia.
Fuente: www.asturiasrepublicana.com; www.fundacionilladesansimon.org; todoslosrostros.blogspot.com
No hay comentarios:
Publicar un comentario