"A lenda da Coca de Redondela"

mércores, 24 de abril de 2013

Conta a lenda que aló polo século XVI vivía preto de Redondela un dragón. Era un dragón enorme de cor verdosa e con un limo que lle esvaraba polo corpo, con unhas ás, máis ben pequeniñas para o corpo que tiña, e un rabo longo acabado en punta. Este dragón tiña a todo o pobo atemorizado.
 
Tódolos anos pola data do Corpus Christi, deixábase unha moza na rampla para que o dragón (A coca) a levara para a súa cova. As trampas que os veciños preparaban para a súa defensa eran inútiles e a situación chegou a tal extremo que as mozas das aldeas veciñas non quería casar con ningún mozo de Redondela.

Así o fixo durante varios anos, ata que os mozos mariñeiros se armaron de coraxe e un día decidiron encararse á Coca. Cando chegou a noite e o dragón apareceu botáronse contra el cravándolle as súas espadas. Tras unha dura loita saíron vitoriosos. 

Xa vencido trouxérono ó pobo, ó mesmo tempo que liberaron as mozas que tiña na cova. Ó chegar ó pobo os valentes mozos, colléndose as espadas uns a outros, empezaron a bailar arredor do dragón morto.Os mariñeiros da vila sacaron viño e peixe con pan para todos.
 
Dende ese día en Redondela celébrase a Festa da Coca, onde nunha procesión un monstruo con forma de dragón paséase polas rúas precedendo á comitiva e portado por mozos que reciben o nome de "céntulos". Combínanse ademais a danza das espadas e a das "penlas", nenas que bailan sobre os ombros de rexas mulleres, coñecidas polo sobrenome de "mulas".
 
 

 
 
 
vía: www.galiciaencantada.com; www.turismoredondela.es; www.tyhturismo.com;
www.atlantico .net

No hay comentarios:

Publicar un comentario