A histórica visita de Julio Verne

Martes, 5 de novembro de 2013

Transcorría o ano 1878 cando, aproveitando unha singladura cara o Mediterráneo no seu iate Saint Michel III (un gran barco a vela e vapor de 31 metros de eslora e 38 toneladas de desprazamento) Julio Verne considerou que era o momento de coñecer esa Ría de Vigo á que dera protagonismo na súa novela. Unha Ría de Vigo que visitaba periódicamente o capitán Nemo co Nautilus para, no estreito de Rande, cargar co ouro e a prata que se encontraba nos seus fondos e así financiar as súas andanzas submarinas.

Dende o ano 1869 en que se publicou "Vinte Mil Leguas de Viaje Submarino" ninguén fixo tanta nin tan continuada publicidade á Ría de Vigo como o grande escritor bretón, que lle dedicou todo un capítulo da súa inmortal novela.

Posto que se trataba dunha gran celebridade, a súa visita constituíu todo un acontecemento naquel Vigo decimonónico, mobilizándose a cúpula da sociedade da época para agasallar ó escritor. Visita que repetiu en 1884, nesta ocasión aproveitando para reparar a maquinaria do seu iate nun estaleiro da cidade.


A seguinte cita podíase ler nun diario local o 3 de Xuño daquel ano 1878:

"Case ó mesmo tempo que o Flore soltou a áncora neste porto, presentouse cruzando a ría un bonito iate de vapor con pavillón francés; era o Saint Michel Nantes, propiedade do popular novelista Julio Verne, que con outros amigos vai de paso para o Mediterráneo, onde pensa visitar algunhas poboacións de España. O famoso novelista estivo onte á noite no paseo da Alameda, e máis tarde concorreu ó baile de La Tertulia, onde pronunciou algúns brindes en español, os cales foron contestados polo Sr. Bárcena (D.Manuel) como presidente da sociedade. É indubidable que Mr.Verne, a quen lle agradou moito a posición xeográfica de Vigo e a súa pintoresca campiña, leva á vez grato recordo da sociedade viguesa que tivo ocasión de coñecer baixo un dos seus máis belos aspectos, nun baile de La Tertulia".


Como agradecemento á súa visita, no centenario da súa morte, a "Asociación de Mulleres Empresarias de Pontevedra" encargou unha escultura de bronce ó artista vigués José Molares e doouna á cidade. Dende entón o escritor está sentado sobre os tentáculos dunha lura xigante nas Avenidas, xunto ós xardíns de Monteiro Ríos.

Na cidade existe mesmo a "Sociedade Verniana de Vigo", unha particular agrupación á que pertencen xornalistas, artistas ou escritores, para honrar a memoria do escritor.





Fontes: puertodevigo.com; www.vigoempresa.com; www.turismodevigo.org




No hay comentarios:

Publicar un comentario