O 8 de novembro de 2013 abría as súas
portas ó público o Centro de Interpretación de Rande, un museo creado para
sensibilizar e concienciar á cidadanía da enorme riqueza histórica, cultural,
artística e ambiental da zona, co obxectivo de poñer en valor o patrimonio
histórico e industrial de Rande.
O piar do museo Meirande é a Batalla de
Rande, acontecida o 23 de outubro de 1702, na cal se enfrontaron as escuadras das
coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa dentro do contexto da Guerra de
Sucesión Española. No centro tamén poden observarse obxectos da industria conserveira
xa que o museo tivo a súa orixe nas antigas ruínas da coñecida como Fábrica do
Alemán, que debe o seu nome popular ó
empresario alemán Otto Gerdtzen Boyé, que comprou a fábrica no ano 1944 e que
foi gran colaborador dos nazis durante a II Guerra Mundial.
O museo divídese en varias salas, que
reciben os nomes de Sala de Máquinas, Audiovisuais, A Busca do Tesouro, A
Época, A Batalla, O Cargamento. Nelas recréase a época, as mercancías e a
batalla, así como diversos aspectos da conserveira Boyé. No exterior das salas
tamén poden verse carteis explicativos da fábrica e durante o percorrido
poderemos ver varios obxectos pertencentes á industria conserveira.
Ademais o museo atópase nun lugar
privilexiado á beira na Ría de Vigo dende o que se pode ver a ponte de Rande e a enseada de San Simón. Só
no seu primeiro ano de vida o museo superou as 15.000 visitas. A entrada é
gratuíta e mensualmente fanse visitas teatralizadas que atraen a un gran número
de visitantes. Nestas visitas, uns actores ataviados coa roupa da época
acompañan a xente no seu percorrido polas distintas salas e representan
episodios que aconteceron ó longo da batalla.
Fontes: Faro de Vigo, Diario Atlántico
No hay comentarios:
Publicar un comentario