Mostrando entradas con la etiqueta isla san simón; redondela; marismamais; galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta isla san simón; redondela; marismamais; galicia. Mostrar todas las entradas

O patrimonio arqueolóxico e histórico da Enseada


mércores, 15 de xaneiro de 2014


Entre o patrimonio arqueolóxico e histórico da Enseada adquiren gran protagonismo os castelos ou baterías defensivas, tanto medievais como da época moderna, que se construíron para defender o acceso ó estreito de Rande.


Do lado sur do estreito, en Redondela, estaba o castelo de Rande, que tiña o seu parello na costa de en fronte, a Batería de Punta Corveiro, dende a cal se tiraba unha cadea ata o castelo de Rande para controlar o acceso a Enseada de San Simón. Este castelo tivo un papel crucial na batalla de Rande de 1702 xa que, para protexer a frota, dende el estendíanse cadeas ó outro extremo do estreito de maneira que os barcos atacantes quedasen bloqueados cando perseguían á frota española. Pode ser que o Castelo de Rande xa existise no S. XVI, mentres que a do Corveiro é posterior.Tanto o Castelo de Rande como a Batería da Punta Corveiro, foron destruídos durante a batalla de Rande.


A finais do sec. XVIII a Coroa decidiu restituílos. Xa no S. XX e coas dúas fortificacións arruinadas, aprovéitanse os materiais para a construción doutros elementos (cargadeiro de mineral entre outros). Da batería non existe ningún resto localizable, pero do Castelo de Rande consérvase a Torre.





Fonte: Estudo sobre o patrimonio turístico da Enseada/ Imaxe: www.numismaticodigital.com/

As esculturas de San Simón


mércores, 25 de setembro de 2013


O pouso histórico dun pasado milenario e a fisonomía dos xardíns contribuíron a darlle a todo o conxunto de San Simón un aire decimonónico no que tanto os espazos exteriores como as edificacións conforman un gran centro de exposicións para as artes plásticas, que completan a beleza inspiradora deste escenario único.

En estanques, en vestíbulos, no cemiterio, en praciñas, agochadas entre árbores ou o mesmo mar, onde o capitán Nemo e os seus buzos danlle a benvida ao visitante, sorpréndennos as esculturas de destacados autores galegos. E como xa acontecera con poetas, narradores e trobadores de todos os tempos, os artistas atoparon na historia desta illa innumerables fontes para realizar a súa particular homenaxe, desde a emigración e a represión ata as vellas lendas, a lírica medieval, a cultura do mar ou a propia quietude que se respira en San Simón. 


A arte convive con arquitecturas como a ponte de cantería con tres arcos deseñado por Alejo Andrade, a capela con fachada de estilo neoclásico ou o vello embarcadoiro e os seus cinco peiraos.




                                                    Imaxe: escultura por Serxio Portela



Fuente: www.fundacionilladesansimon.org


"As infraestructuras marítimas da Enseada de San Simón"

mércores, 21 de agosto de 2013

As infraestruturas marítimas na Enseada de San Simón baséanse principalmente nos catro portos que alí existen: Cesantes, Arcade, Santa Cristina de Cobres e San Adrián de Cobres. A eles engadimos os antigos portos e peiraos existentes na Enseada, algúns con uso, aínda que limitado, e outros xa en desuso ou en estados de conservación deplorables. Entre estes peiraos algúns foron dependentes de industrias que se situaban na beiramar, mentres que outros foron portos ou peiraos realizados para o uso público, a pesca ou o transporte tanto de persoas como de mercadorías. 

O porto de Cesantes sitúase como o herdeiro do que foi o porto de Redondela, xa que naceu debido á imposibilidade de navegar con baixamar polas barras do río Alvedosa. Foi construído a mediados do sec. XX aproveitando as estruturas que xa existían dos pescadores e da fábrica de conservas que se sitúa detrás. 

Outro ben inventariado na Enseada son as Barras do Alvedosa, obra de enxeñería realizada a principios do sec. XX para canalizar a desembocadura conxunta dos ríos Alvedosa e Pexegueiro e manter accesible o porto de Redondela, por causa do proceso de colmataxe natural. Feito por medio de diques lonxitudinais mergullábeis que discorren parellos á canle principal do río, poucos anos mantivo o tránsito xa que a actividade portuaria pasou ó porto de Cesantes.

O que foi orixinalmente o peirao da fábrica de hidrocarburos de Arcade, o chamado Peirao de Laforet, constituíu un antigo espigón ó que se lle engadiu unha ampliación en forma de “L” para albergar un porto náutico deportivo que convive coas necesidades dos mariñeiros. 

O chamado tamén Peirao de Gundixe (porto de Santa Cristina) creouse na primeira metade do sec. XX para dotar de infraestruturas suficientes ó novo tráfico marítimo, e escolleuse a Punta Pereiro xa que preto dela realizábanse de xeito rudimentario as operacións de tráfico marítimo, ademais de ter unhas condicións de vento e mar moi favorables ó situarse nunha baía.

Doutra banda están os peiraos públicos que tiveron actividade no seu tempo e que agora, ou xa non a teñen ou o que non teñen son condicións estruturais de peirao. Entre os que xa non teñen actividade pero si peirao encontramos o dos Caralletes e o de Paredes en Vilaboa. 

Outra opción son os peiraos das antigas fábricas como o da Regasenda ou o da “Fábrica do Alemán”; tamén o de Rodríguez Pascual ó lado do porto de Cesantes, o da IME e o de Arcadia.


Finalmente mencionar a Illa de San Simón, onde se atopan non só catro peiraos de distintos anos de construción, senón unha ponte que une as illas de San Simón e San Antonio construída a partir da constitución da illa como Lazareto en 1830.






Fuente: Estudo sobre o patrimonio turístico da Enseada (A Citania)






"Cantiga de San Simón"

mércores, 10 de xullo de 2013

Sedia-m'eu na ermida de San Simion
e cercaron-mi as ondas, que grandes son:
eu atendend'o meu amigo,
eu atended'o meu amigo!

Estando na ermida ant'o altar,
(e) cercaron-mi as ondas grades do mar:
eu atendend'o meu amigo!
eu atenddend'o meu amigo!

E cercaron-mi as ondas, que grandes son,
non ei (i) barqueiro, nen remador:
eu atendend'o meu amigo!
eu atendend'o meu amigo!

E cercaron-mi as ondas do alto mar,
non ei (i) barqueiro, nen sei remar:
eu atendend'o meu amigo!
eu atendend'o meu amigo!

Non ei (i) barqueiro, nen remador,
morrerei fremosa no mar maior:
eu atendend'o meu amigo!
eu atendend'o meu amigo!

Non ei (i) barqueiro, nen sei remar
morrerei fremosa no alto mar:
Eu atendend'o meu amigo!
Eu atendend'o meu amigo!


José Joaquín Nunes, 1926


fuente: As illas de San Simón. Aproximación á súa historia (José-Antonio Orge Quinteiro)


"Paseos, fugas...O fin da guerra na illa de San Simón"



mércores, 19 de xuño de 2013

Tódolos días, a última hora da tarde, chegaba o momento máis estremecedor para os habitantes da illa de San Simón. Antes de se deitaren, os oficiais de prisións facían o reconto de reclusos. A continuación, pasaban a citar algúns deles que, recollendo os seus petates eran transladados nunha motora para dar "o paseo".

"...sentía todas las noches el siniestro paso de la Descarnada, que venía a efectuar su macabra leva.

 No había hora para la llegada de la temible navecilla. Desde luego, era siempre de noche.

 No puede usted figurarse, lo que era oír en plenas tinieblas el motor de la gasolinera que se acercaba al  muelle. Todos nos incorporábamos en los petates, preguntándonos con suprema angustia: ¿A quiénes les   tocará esta noche?

 En algunas ocasiones -para acabar antes- se cumplió la sentencia en el contiguo de San Antonio."






Case non se produciron fugas na illa. O final da guerra civil conmemórase cun desfile no campo das alocucións. Nel foron obrigados os reclusos a berrar con fervos o que predominaba na España Nacional.

O 15 de marzo de 1943 prodúcese o peche da prisión. A illa queda de novo deshabilitada e pasa a depender do Ministerio de Sanidade.




Fuente: "As Illas de San Simón." Aproximación á súa historia. (José-Antonio Orge Quinteiro)

"A traxedia no albergue da illa de San Simón"

mércores, 12 de xuño de 2013

Durante o terceiro ano de utilización do albergue a normalidade era manifesta. Os días de ocio, as saídas e excursións que os alberguistas organizaban, formaban parte das súas actividades cotiás. Pero esta calma rematou o martes 22 de agosto de 1950. Houbo un feito que conmoveu á opinión pública de toda España:

Ás cinco e cuarto de dita tarde, partía do embarcadoiro do albergue con destino ó antigo peirao de Cesantes a lancha coñecida como "Monchita". A bordo ían 66 persoas, destas, 64 camaradas da Garda de Franco, o piloto da motora Sr. Fabeiro e o xoven Carlos Alonso Martínez (ambos de Redondela). O motivo desta saída era xogar un partido de fútbol amistoso co C.F. Redondela. 
Cando navegaban sobre a zona de O Cobreiro, os ocupantes, por temor ás salpicaduras da oleaxe, inclináronse cara un costado facéndoa zozobrar, deste modo foi ó fondo de xeito inmediato con todo o pasaxe.

Preto do lugar dos feitos atopábase unha moza de 20 anos, Carmen Almoina, veciña de Cesantes que colleu unha pequena barca e logrou rescatar a catro persoas, unha delas faleceu antes de chegar á praia.

A maior parte dos alberguistas eran de zonas do interior da península e non sabía nadar. A última hora da tarde, o balance era de dez mortos e trinta e tres desaparecidos.







fuente: "Las islas de San Simón. Aproximación a su historia" (José Antonio Orge Quinteiro)

"Cantiga a un recluso en San Simón"

martes, 4 de xuño de 2013


"Illa do amor, Illa da morte"


Emprestame, Meendinho, tua voce meioeval,
aquela que o de Cangas e Martín tamén tiñan.
A voz que na cantiga de San Simón illeiro,
como cisne migrado do seu niñal luciras.

Empréstame, Meendinho, tua voce lembradoira,
e que doblen os sinos da ermida "ante o altar",
pol-o fin asanguiñento que un día iría a ter
a illa que nascera baixo o sino de amare.

"Cercaron" a tua amiga "ondas que grandes son",
triste espera que foi de "amor do meu amigo"
en solpores de ouro e noites de luar,
que co tempo serían antehoras do crime.

Tua amiga "barqueiro" nin "remador" tuvera,
mais a "morrer fremosa" no "mar maior"
se aviña; os fusiles un día outras ondas levaron
transvirando pra morte o sino dos amores.

Pois viñeron os días da trinca de vermellos,
das listas amañadas pol-a mao de ninguén,
das noites desveladas a corazón batente,
dos corpos derrubados no veiral dos arcéns.

As noites de arrepío rente dos cabezales
de chaves que tilintan por corredor deserto,
das sacas a sinistra luzada dos menceres
dos disparos que estouran o xelo dos silencios.

Devolvo, meu Meendinho, tua lembranza ao sono
a paxina máis nidia que viviu San Simón.
A illa dos amores pra a morte requisada,
con predestiño a groria que o malfado crebóu.

Devolvo teu amor e co-a delor eu fico,
no ancelo de que volva a poesía a ser,
aquél verbo de luz que a San Simón prestaras,
ben alleo a pauliña que ainda viría a ter.




Valentín Paz Andrade, Faro de Vigo 28/05/1982













A orixe da "Coca" e da "Danza das Espadas"

mércores, 22 de maio de 2013


Son moitas as relixións antigas que teñen dragóns ou serpes, case sempre de carácter negativo. Hai investigadores que sitúan o nacemento destes mitos na India. Ó longo da historia da Igrexa tamén os santos se enfrontaron simbolicamente a algúns destes seres que representaban a idolatría e outras crenzas, de feito, o apóstolo Santiago foi un deles. Crése que os primeiros dragóns procesionais cristiáns daten do século V, de cando San Mamerto, bispo de Vienne (Francia), institúe as procesións das rogativas os tres días anteriores ó da Ascensión. O primeiro día a figura do dragón abría a procesión diante da cruz, con aire triunfante. Pero o terceiro, xa vencido, camiñaba detrás de toda a comitiva. Suponse que estes monstros fosen de tamaño pequeno, que os levasen pendurados de paus, que pola feitura asemellasen ás serpes, e que os queimasen ó rematar a rogativa.


Ata agora, onde  primeiro lugar onde se rexistrou o nome de Coca foi en Ourense, cidade na que dende tempos moi antigos se celebra con gran devoción a festa do Corpus. Nun documento do 27 de maio de 1437 figura coa denominación de Coquetriz, vocábulo que nesta época tamén era común para o castelán. 



As cocas sempre se representaron como dragóns: corpo serpentiformeou vermiforme, ás membranosas,
rabo en punta afiada, poutas...Un composto de elementos procedentes de diferentes animais, pero sempre dos considerados negativos dende tempos remotos: serpes, morcegos, crocodilos...




Os materiais construtivos adoitaban ser os vimbios e as vergas de salgueiro e carballo para facer a estrutura, a madeira para a cabeza articulada de xeito que lle puidese abrir a boca a persoa que ía dentro, e logo todo o corpo cuberto con tea pintada, imitando escamas de cor verdosa, coma as peles dos crocodilos, lagartos, serpes, sapos...



Por último estaban as danzas executadas polos gremios ou que corrían coa organización, entre as que algunhas eran comúns a varias poboacións tanto portuguesas como galegas, como por exemplo a “das espadas”, denominada así por bailaren cunha destas armas na man dereita. Hai eruditos, como Luiz Chaves, que opinan que quizais sexan restos de antigos torneos guerreiros, pois nelas existen movementos propios de loita. 

Na actualidade, Redondela é a única vila galega que conserva as seculares Penlas e, xunto con tres ou catro vilas máis, a Danza das Espadas. Estas tres manifestacións populares actúan tódolos anos o día do Corpus Christi.







Fuente: www.turismoredondela.net; www.depontevedra.es











O día a día dos desafiuzados na "illa da morte" ou illa de San Antonio

luns, 20 de maio de 2013

A comarca da ría de Vigo foi vítima de epidemias da cólera asiática, que no século XIX repetiron os dramáticos cadros vividos pola poboación desta zona no século XVI. A primeira destas epidemias, tivo lugar no ano 1833, sendo Vigo a primeira poboación de España que sufriu os seus graves efectos. 

As autoridades sanitarias viguesas comezaron unha rápida e eficaz campaña. O famoso médico e historiador Nicolás Taboada Leal, elabora unha "Topografía Médica" de dita cidade e os seus arredores, expresando os motivos  de porque a illa de San Simón era o lugar máis axeitado para a construcción do lazareto. Finalmente Vigo consegue o lazareto para a súa ría, reforzando a importancia comercial do seu porto e facilitando o despegue económico.




A "corentena" de 1843 durou desde o mes de xuño ata o mes de outubro e, nese periodo, entraron en San Simón 63 buques. Os enfermos dividíanse en dúas clases: Os desafiuzados, con esperanza nula, que se hospitalizaban na illa de San Antonio e tamén coñecida como "a illa da morte".  Os recuperables ían para San Simón.

A ponte que une as dúas illas tiña unha doble porta. Ós desafiuzados levábaselles a comida en cestos especiais que o persoal poñía no medio da ponte. O servicio de porta non se facía simultáneamente senón que se abría a primeira porta, deixando a comida no centro, e a continuación de pechar esta con sólidas cerraduras abríase a segunda que conectaba coas instalacións dos agonizantes. 




As  roupas destes fervíanse e lavábanse no pequeno saínte rocoso, que máis tarde se converteu no "peirao das monxas". Entre outras das medidas practicadas no lazareto por temor ó contaxio estaba a desinfección do correo. Facíanse perforacións ás cartas, ademáis de fumigacións ou chorros de vapor en recipientes pechados.

Durante o periodo 1842-1854 a poboación corentenaria acercouse á cifra de 46000 persoas, rexistrándose unha entrada de 2439 buques, dos que 38 foron navíos de guerra.

Fuente: "Las islas de San Simón, aproximación a su historia", José Antonio Orge Quinteiro.

VISITAS GUIADAS POLA ILLA DE SAN SIMÓN


Durante os meses de Maio, Xuño, Xullo, Agosto e Setembro o Concello de Redondela dará de novo a oportunidade de asistir a estas rutas. As saídas serán de venres a domingo, dúas veces por día (mañá e tarde).